A primeira estrofa (cor verde) é para o 2º ciclo, a do medio (de cor azul) para Infantil e 1º ciclo e a última (de cor marrón) para o 3º ciclo. Está estructurada de xeito diferente a orixinal pero é para que vos sexa máis sinxelo recitalo.
Deitado frente ao mar
Lingua proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque si,
porque me gosta,
porque me peta
e quero e dáme a gana;
porque me sai de dentro,
alá do fondo
dunha tristura aceda
que me abrangue
ao ver tantos patufos
desleigados,
pequenos mequetrefes
sen raíces
que ao pór a garabata
xa non saben
afirmarse no amor
dos devanceiros,
falar a fala nai,
falar a fala nai,
a fala dos avós
que temos mortos,
e ser,
co rostro erguido,
mariñeiros,
labregos da linguaxe,
remo i arado,
proa e rella sempre.
Eu fáloa porque si,
porque me gosta
e quero estar cos meus,
coa xente miña,
perto dos homes bos
que sofren longo
unha historia contada
noutra lingua.
Non falo
pra os soberbios,
non falo
pra os ruíns e poderosos,
non falo
pra os finchados,
non falo
pra os baleiros,
non falo
pra os estúpidos,
que falo pra os que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas
decotío;
pra os que súan
e choran
un pranto cotidián
de bolboretas,
de lume e vento
sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar
as miñas verbas
de tódolos que sofren
neste mundo.
E ti vives no mundo,
terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia,
doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar,
ise camiño...
Falar a fala nai,
falar a fala nai.



